Xornada "Cortocircuito" na Galiza

08/11/2013 - 12:32 | Sindicato Labrego

Este venres, 8 de novembro, VSF Xustiza Alimentaria Global e o Sindicato Labrego Galego organizan en Compostela unha xornada para potenciar a compra pública de alimentos na Galiza como ferramenta para traballar pola soberanía alimentaria. A actividade encádrase nunha campaña global que se está a desenvolver no Estado Español baixo o nome "Curtocircuíto".

Esta campaña está baseada nas conclusións da investigación publicada por VSF “Compra pública en sistemas alimentarios globais. Impactos sociais, ambientais e económicos”.

Para VSF e o Sindicato Labrego Galego, a compra alimentaria das administracións públicas pode e debe funcionar como impulsora dos mercados alimentarios locais e ten un enorme potencial para facelo non só mediante a súa acción lexislativa e orzamentaria, senón tamén como consumidoras e mercadoras de alimentos. Teñamos en conta que, no estado español, as administracións públicas destinan entre 2.000 e 3.000 millóns de euros a compras alimentarias para fornecer colexios, hospitais, centros penitenciarios e bancos de alimentos.

Con todos eses cartos, as administracións poden e deben ter un rol determinante para impulsar os mercados alimentarios locais, apoiar a agricultura familiar e ser un factor determinante no desenvolvemento rural non só a través de accións lexislativas e orzamentarias, senón converténdose, ademais en consumidoras e mercadoras de alimentos.

Pola contra, hoxe en día, os alimentos mercados en circuítos curtos de comercialización no estado español non chegan ao 3%, e unha de cada catro comidas servidas en escolas e hospitais están controladas por dúas empresas: Serunión e Eurest-Compass Group.

Nesta xornada á que te convidamos, imos presentar a guía de VSF “Compra pública en sistemas alimentarios globais. Impactos sociais, ambientais e económicos”, e aproveitaremos para crear un foro de debate e intercambio de experiencias entre labregos e labregas e axentes implicados na compra pública de produtos alimentarios como asociacións de pais e nais, concellos, bancos de alimentos, hospitais, universidades, etcétera.

Se desexas inscribirte na xornada, podes descargar o arquivo que se atopa no remate desta información onde atoparás todos os datos necesarios para participar.

Para afondar nisto, podes consultar
 
Se estás interesado ou interesada en participar nesta actividade, só tes que inscribirte enviando os teus datos persoais (nome e apelidos, teléfono e correoelectrónico) ao seguinte enderezo compostela@sindicatolabrego.com ou chamando aos teléfonos
 
981 588 532 ou 699 924 635
 
AGARDÁMOSTE!
 
 
 

Documentos adjuntos